Unha viaxe á esencia do litoral de Galicia
Unha viaxe á esencia litoral de Galicia
SENDA DOS FAROS

A Senda dos Faros concíbese coma un itinerario de algo máis de 1300 quilómetros para descubrir o litoral de Galicia e achegarse ás diversas e heteroxéneas paisaxes que se van percorrendo desde Tapia de Casariego (Asturias) ata a Ponte da Amizade de Goián (Tomiño). Desde os cantís máis altos da Europa continental ata un dos maiores complexos dunares da Península ibérica; desde as zonas máis urbanas de Galicia ata as aldeas rurais tradicionais.


Os faros constitúen fitos atractivos por moitas razóns, entre elas o seu carisma e singularidade como baluartes do medio litoral e da nosa relación co mar. Por iso constitúen a escusa e o fío condutor das 56 etapas da Senda para percorrer o perímetro costeiro de Galicia. Mais o seu obxecto vai máis aló e aspira a abranguer o descubrimento dos valores xenuínos e identitarios do territorio litoral, fundamentalmente a pé e tamén en bicicleta.


Para o desenvolvemento deste proxecto asinouse un convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), o Instituto de Estudos do Territorio (IET) e Fundación Galicia Sustentable. A súa aspiración é xerar un modelo de xestión integrado que leve a unha maior identificación da cidadanía residente coa Senda dos Faros e, así, que poida contribuír a unha estratexia de sustentabilidade. No programa de actuacións e actividades contémplanse diversas accións que inclúen, entre outras, un proceso de participación cos principais axentes do territorio para a identificación de variables respecto ao trazado proposto ou lograr a implicación da comunidade educativa a partir de propostas coma o "Concurso de Curtas Senda dos Faros".